Hai novas que nos tocan especialmente de preto. A Hispanic Society of America, en Nova York, vén de abrir ao público o extraordinario arquivo fotográfico que Ruth Matilda Anderson realizou en Galicia hai agora arredor de cen anos.
Son máis de 5.000 fotografías tomadas durante as súas viaxes por Galicia entre 1924 e 1926, moitas delas inéditas ata agora. Un arquivo excepcional non só pola súa calidade fotográfica, senón porque Anderson tivo a curiosidade de mirar cara a lugares e persoas que poucas veces ocupaban o centro dunha fotografía.
Ruth Matilda Anderson chegou a Galicia por encargo da Hispanic Society of America coa intención de documentar a vida, os costumes e a cultura popular. Percorreu vilas, aldeas, feiras e camiños coa cámara, pero tamén cun caderno. Non se limitaba a fotografar monumentos ou paisaxes: interesábanlle as persoas e a súa vida cotiá, os mercados, a roupa, as casas, os traballos do campo e do mar e, dun xeito moi especial, os oficios.
E por iso este arquivo ten para nós, como artesáns e artesás, un valor enorme.
Nas fotografías aparecen oleiros traballando no torno, cesteiros, ferreiros, zoqueiros, tecedeiras e moitas outras persoas facendo traballos que daquela formaban parte natural da vida diaria. Non aparecen como unha recreación folclórica nin como unha demostración preparada para unha feira: aparecen traballando.
A Mariña ocupa ademais un lugar moi especial neste percorrido. Anderson pasou por Mondoñedo e continuou a súa viaxe por Lourenzá, Foz, Ribadeo e Viveiro. En Mondoñedo deixou imaxes da Praza da Catedral, das rúas, dunha panadería, de mulleres vendendo pan e tamén dos oleiros traballando nos seus obradoiros.
Para quen coñece Os Muíños, algunhas destas fotografías producen unha sensación difícil de explicar. Os lugares resultan familiares, pero estamos vendo neles persoas que viviron e traballaron hai un século. Xestos, ferramentas e maneiras de facer que, nalgúns casos, aínda podemos recoñecer.
Quizais aí estea unha das cousas máis fermosas deste arquivo. Anderson non fotografou o que hoxe chamamos “patrimonio”. Fotografou simplemente a vida que tiña diante. Cen anos despois, somos nós os que descubrimos canto patrimonio había naquela vida cotiá.
Durante moito tempo só se coñecía unha pequena parte deste traballo. Agora a Hispanic Society está facendo accesible dixitalmente o fondo, cunha calidade extraordinaria e coa posibilidade de percorrer as imaxes, as datas e os lugares nos que foron tomadas.
Desde a Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña recomendamos reservar un anaco de tempo e percorrelo con calma. Para quen traballa na artesanía é moito máis que unha colección de fotografías antigas. É unha oportunidade para mirar cara atrás e atoparnos cos obradoiros, coas mans e coas persoas que formaron parte da historia dos nosos oficios.
E tamén para lembrar algo que ás veces esquecemos: os oficios artesáns non chegaron ata nós desde os libros. Chegaron, sobre todo, de persoa a persoa e de man en man.
Arquivo dixital de Ruth Matilda Anderson — Hispanic Society Museum & Library:
https://diglib.hispanicsociety.org/


