Galicia lidera as candidaturas aos Premios Nacionais de Artesanía
Dá gusto leer este tipo de noticias. Cando un pasa horas no obradoiro loitando por sacar adiante cada peza, ver que o traballo da nosa terra se recoñece fóra é unha alegría enorme.
Xa se coñecen os finalistas dos XIX Premios Nacionais de Artesanía e Galicia é, nada máis e nada menos, a comunidade con máis candidaturas de toda España. Estamos presentes en catro das cinco categorías. Isto non é casualidade: é o reflexo da calidade, do esforzo e do talento que hai aquí dentro.
Queremos felicitar de corazón a todas as compañeiras, compañeiros e entidades que levan o noso oficio ao máis alto:
- No Premio Producto: Unha aperta moi forte para a familia de Barreiros Artesanía (Nogueira de Ramuín), finalistas coa súa colección Kyklon, unha vaixela de porcelana sostible pensada para a alta gastronomía. E tamén para a deseñadora e redera Amalia Puga (A Guarda), pola súa colección Saia, unhas lámpadas incribles que levan a cultura do noso mar e o saber facer das rederas ao deseño máis actual.
- No Premio Emprendemento: Moitos parabéns a Sandra Vilas, do obradoiro Boina Galega (Santiago de Compostela). Repite como finalista por segundo ano consecutivo grazas ao seu traballo impecable co feltro. Pura constancia.
- Premio Promociona (Entidades Privadas): Que dicir da asociación APAMP (Vigo) e a súa marca A Casa Rodante. Fan un traballo enorme unindo a artesanía (cerámica, textil, cestería…) coa inclusión social. Dálle sentido a todo o que facemos.
- Premio Promociona (Entidades Públicas): E parabéns tamén á Fundación Pública Artesanía de Galicia polo seu programa Aprender da tradición. É unha iniciativa fundamental para que os oficios non se perdan, asegurando o relevo xeracional e coidando disciplinas tan nosas coma a alfarería de Buño, a forxa, a azabachería ou o traballo coas fibras vexetais (Fibranzas).
O fallo do xurado saberase o vindeiro 10 de decembro en Zamora. Pero dá igual o que pase esa noite: para nós o premio xa está na casa.
Grazas por demostrar cada día o valor do feito a man. Moita sorte a todos!


