Obradoiros con Corazón 2026: nove obradoiros para coñecer a artesanía da Mariña desde dentro

Do 24 de outubro ao 15 de novembro volven os Obradoiros con Corazón, e este ano facémolo dun xeito especial para nós: a Asociación Profesional de Obradoiros Artesáns da Mariña incorpórase á organización do programa xunto coa Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense, co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo.

Esta será xa a terceira edición dunha iniciativa que naceu para achegar a artesanía ás persoas dunha maneira moi sinxela: entrando nos obradoiros, coñecendo a quen está detrás de cada oficio e, sobre todo, probando a facer.

Non queremos que a artesanía se vexa só desde fóra. Unha das cousas que máis valoramos deste programa é precisamente a oportunidade de sentarse nunha mesa de traballo, tocar os materiais, utilizar as ferramentas e comprender todo o que hai detrás dunha peza feita a man.

Nesta edición serán nove actividades en Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Viveiro e Ourol, con propostas de cerámica, Rakú, Kintsugi, madeira, macramé, la ou creación de xoias.

Podes reservar a túa praza a través desta ligazón; dáte présa, xa que as prazas estanse a esgotar rapidamente!

Un programa que medra cos obradoiros

A colaboración entre os obradoiros artesáns e a Mancomunidade vén de lonxe. Desde 2011 fomos participando en diferentes accións arredor da artesanía da Mariña e, nos últimos anos, ese traballo foi collendo unha nova dimensión coa creación de A Mariña Artesá e coa propia constitución da Asociación.

Que nesta terceira edición a Asociación participe tamén na organización de Obradoiros con Corazón é para nós un paso importante. Permítenos implicarnos directamente no deseño das actividades e seguir traballando nunha idea que consideramos fundamental: que os obradoiros artesáns formen parte da vida cultural e turística da Mariña durante todo o ano.

Por iso este ano o programa celébrase no outono. É unha época estupenda para percorrer A Mariña con máis calma e tamén para entrar nos talleres, coñecer os oficios e compartir unhas horas coas persoas que traballan neles.

A experiencia das edicións anteriores demostra, ademais, que existe interese por este tipo de propostas. En 2025 participaron 100 persoas e outras 62 quedaron en lista de agarda.

Programa de actividades Obradoiros con Corazón 2026

VIVEIRO – Sábado 24 outubro 16:00h

Regal Cerámica

Curso de iniciación á cerámica Raku

O Rakú é unha técnica cerámica de orixe xaponesa cunha historia de máis de 500 anos, ligada nas súas orixes á cerimonia do té. Neste obradoiro as persoas asistentes achegaranse á súa historia e, sobre todo, vivirán de preto un proceso de cocción moi diferente ao da cerámica convencional.

As pezas esmáltanse e introdúcense no forno, onde alcanzan altas temperaturas. A parte máis espectacular chega ao sacalas aínda incandescentes e introducilas en serraduras para provocar a redución. O lume, o fume e o choque térmico transforman os esmaltes e fan que cada resultado sexa diferente.

Unha primeira experiencia para descubrir o Rakú, entender o proceso e gozar dunha das técnicas máis sorprendentes da cerámica.

RIBADEO – Domingo 25 outubro 17:00h

Lucía Barro – Serendipia

Creación dun servilleteiro de cerámica decorado mediante a técnica do esgrafiado.

Neste obradoiro os participantes crearán desde cero o seu propio servilleteiro de cerámica e poderán decoralo ao gusto mediante a técnica do esgrafiado. Traballarán sobre a superficie da arxila para crear debuxos, formas e texturas, retirando parte da capa superficial e facendo aparecer o deseño.

Non é necesaria experiencia previa: a actividade está pensada para achegarse á cerámica dunha maneira sinxela, creativa e moi persoal. Todos os materiais están incluídos e o obradoiro está dirixido a persoas a partir de 14 anos.

Ao rematar, as pezas quedarán no taller para completar o proceso de secado, cocción e esmaltado. Poderase recoller ou enviar o servilleteiro máis adiante, xa completamente rematado.

MONDOÑEDO – Sábado 31 outubro 17:00h

Artesanía do pasatempo

Kintsugi, a beleza da imperfección

O kintsugi é unha antiga técnica xaponesa de reparación da cerámica que, en lugar de ocultar unha rotura, destaca as súas cicatrices e convérteas en parte da beleza da peza. Neste obradoiro os participantes coñecerán brevemente a súa historia e esa maneira tan particular de entender a imperfección e o paso do tempo.

Despois reconstruirán unha peza rota, encaixando os fragmentos con paciencia e facendo visibles as unións mediante pigmento dourado. Traballarán cunha adaptación contemporánea do kintsugi tradicional, utilizando resinas modernas que permiten realizar o proceso durante o obradoiro.

Pódese traer unha pequena peza de cerámica rota á que se lle teña cariño ou empregar unha das que haberá preparadas. Todos os materiais están incluídos.

MONDOÑEDO – Domingo 1 novembro 17:00h

Esquina Atlántica

Dende as Venus de arxila ata a maxia do torno de oleiro

Un percorrido pola cerámica a través de dúas das maneiras máis antigas de dar forma á arxila: as mans e o torno. A xornada comezará modelando unha pequena figura inspirada nas Venus do Paleolítico, traballando directamente coa arxila e descubrindo técnicas sinxelas como os beliscos e os rolos.

Despois pasarán ao torno de oleiro para experimentar co movemento: aprenderán a centrar a arxila, abrila e facer medrar as paredes dunha peza. Non é necesaria experiencia previa; trátase de tocar, probar e comprender o oficio desde dentro.

Inclúese a arxila, ferramentas e uso dos tornos. As pezas seleccionadas quedarán no obradoiro para secar e cocer e poderán recollerse ou enviarse unhas semanas despois.

VIVEIRO – Sábado 7 novembro 11:00h

Pura Garra

Caos Poético: obradoiro de creación de pendentes de madeira con transferencia de imaxes

Este é un obradoiro para crear uns pendentes de madeira deixando que a intuición forme parte do proceso. Comezará escollendo as formas e combinando imaxes dunha selección preparada para crear pequenas composicións tipo colaxe. A partir de aí traballarase a madeira e as persoas asistentes aprenderán a transferir as imaxes á súa superficie. Poderán engadir detalles con pintura e probar diferentes acabados ata atopar o resultado que máis lles guste. Finalmente furarán e montarán as pezas para convertelas en pendentes.

Non se trata de repetir un modelo, senón de xogar coas imaxes, as formas e mesmo cos pequenos imprevistos do proceso. Ao rematar, levarán uns pendentes únicos feitos por cada persoa.

RIBADEO – Domingo 8 novembro 16:00h

Raíces Nómadas

Coroa de Nadal de macramé

Neste obradoiro os participantes aprenderán a crear unha coroa de Nadal empregando a técnica do macramé. Partirán dos nós e recursos básicos necesarios para ir construíndo a peza paso a paso, aprendendo a traballar os fíos e a dar forma ao conxunto.

É unha actividade pensada para gozar do traballo manual e descubrir as posibilidades decorativas do macramé mentres se elabora unha peza para levar á casa. Non é necesario ter experiencia previa: o obradoiro é axeitado tanto para quen se achega por primeira vez a esta técnica como para persoas que xa teñen algún coñecemento e queren seguir practicando. A actividade está dirixida a maiores de 16 anos e todos os materiais están incluídos.

MONDOÑEDO – Sábado 14 novembro 17:00h

Miratú Artesanía

Volta á la: fiar e dar forma

Un obradoiro para achegarse á la desde a propia materia e descubrir como se transforma co traballo das mans. Comezará achegando aos asistentes á la en bruto, parcialmente preparada, e aprenderán a fiala utilizando unha roca de man.

Despois empregarán esa mesma materia para crear unha peza propia, dándolle forma e experimentando coas súas posibilidades. A proposta deixa espazo para que cada persoa lle dea un carácter diferente ao seu traballo. Pódense levar pequenos elementos propios —obxectos naturais, anacos de tea, fíos ou outros detalles— e incorporalos á creación para engadir textura e facela máis persoal. Unha experiencia para tocar, experimentar e coñecer a la desde a súa orixe.

OUROL – Domingo 15 novembro 11:00h

Madeiraman

Descubrindo as ensamblaxes en madeira

Neste obradoiro os asistentes achegaranse a unha das bases da carpintaría tradicional: as ensamblaxes, un sistema que permite unir diferentes pezas de madeira sen utilizar cravos. Aprenderán de maneira práctica como se preparan estas unións, traballando o corte e a montaxe das pezas e coñecendo ao mesmo tempo algunhas das calidades dos distintos tipos de madeira.

É unha oportunidade para utilizar ferramentas, entender como traballa un carpinteiro e descubrir a precisión que hai detrás dunha unión aparentemente sinxela. Non fai falta experiencia previa e a actividade está aberta a persoas adultas. As ferramentas e o mandil de traballo serán proporcionados no obradoiro e, ao finalizar, poderase levar para a casa a peza realizada.

TRABADA – Domingo 15 novembro 16:00h

Lucía Catuxo Cerámica

Enmarcando a creatividade: crea o teu propio marco de cerámica para fotos ou espellos

Neste obradoiro os participantes crearán coas súas propias mans un marco de cerámica, pensado para colocar nel unha fotografía ou un espello. Partirán da arxila para darlle forma á peza e despois decorarán ao gusto, buscando un resultado persoal e diferente. A proposta está pensada para experimentar coa cerámica dunha maneira libre, gozar do contacto coa materia e descubrir como unha idea vai tomando forma pouco a pouco entre as mans.

Ao finalizar, a peza quedará no taller, xa que a cerámica necesita completar o seu proceso: primeiro deberá secar durante varios días e despois será cocida nun forno cerámico a 1.000 ºC. Poderá ser recollida ou enviada días máis tarde, unha vez rematada a cocción.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

A Mariña de hai cen anos, a través da mirada de Ruth Matilda Anderson

Son máis de 5.000 fotografías tomadas durante as súas viaxes por Galicia entre 1924 e 1926, moitas delas inéditas ata agora. Un arquivo excepcional non só pola súa calidade fotográfica, senón porque Anderson tivo a curiosidade de mirar cara a lugares e persoas que poucas veces ocupaban o centro dunha fotografía.

ler máis »

Moito orgullo

Dá gusto leer este tipo de noticias. Cando un pasa horas no obradoiro loitando por sacar adiante cada peza, ver que o traballo da nosa terra se recoñece fóra é unha alegría enorme.

ler máis »
Categorías